luns 09 xuño 2014

ÉXITO DA I CARREIRA POPULAR SAN SADURNIÑO. (Fonte: http://www.sansadurnino.es/)

535 deportistas. Ese foi o número definitivo de participantes na carreira popular celebrada este domingo no contorno do paseo fluvial de San Sadurniño. O arboreto de especies autóctonas converteuse durante a mañá no punto de chegada e saída dun evento organizado polo Concello e o CPI que se desenvolveu sen incidencias. A choiva ameazou con deslucir o evento durante toda a xornada. Porén, coma se todo estivese acordado, as nubes só descargaron cando xa todo rematara. En resume: un éxito de público e participación que confirma a intención tanto do Concello como do centro educativo de repetir a experiencia o ano que vén.

Os resultados da proba estarán dispoñibles na web carreirasgalegas.com, a mesma na que as persoas participantes puideron inscribirse ata o pasado xoves. A categoría máis numerosa foi a adulta, con 286 persoas apuntadas, seguida da de menores nados entre 1997 e 2001, con 89 participantes. Todos e todas procedentes na súa maioría dos concellos da comarca, aínda que tamén houbo representación de municipios de máis lonxe, como Burela, Santa Comba ou Teo. 

Os maiores tiveron que facer de 5 quilómetros saíndo da Cortiña e tirando río arriba ata a Bidueda, pasando por diante do Mesón A Granxa, Metalfra e Intasa e volvendo pola estrada de Ferreira de novo ao paseo fluvial. A saída fíxose neutralizada -a un ritmo máximo de 7km/h.- durante 400 metros para evitar aglomeracións ou empurróns na beira do río mentres a serpe de corredores e corredoras non se estiraba. 

As categorías de base conformáronse con facer un circuíto no arboreto de especies autóctonas: 1350 metros os nenos e nenas nados entre 2002 e 2004 (40 inscricións), 400 metros os benxamíns (38 nenos e nenas) e só 200 metros os da categoría pitufos, que xuntaron 82 participantes.

Todo transcorreu con normalidade. Non houbo lesións nin outro tipo de incidencias e máis que unha competición a carreira semellou por momentos unha festa do deporte na que moitos participantes corrían en grupos e sen forzar demasiado a máquina. Á chegada a organización tíñalles preparada unha pequena bolsa con froita e bebida para repoñer enerxía. A carreira estivo controlada por xuíces e xuízas da Federación Galega de Athletismo, que ademais retransmitiron a proba por megafonía para manter ao tanto aos centos de persoas que acudiron como público.

Trala entrega de medallas e trofeos -e tamén empanadas para os 11 equipos participantes-, a auga botouse con intensidade xusto no momento en que se empezaban a sortear agasallos. Foi o momento das valoracións. O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, mostrouse satisfeito por como discorreu unha carreira na que el mesmo participou. "Foi un éxito rotundo polo número de participantes e polo ben que foi todo. Hai que felicitar ao profesorado e á ANPA do CPI polo traballo organizativo que fixeron en colaboración co Concello. Canda eles tamén hai que darlle os parabéns ás persoas e firmas comerciais implicadas nun proxecto que queremos repetir o ano que vén", dixo García.