Xa son máis de 700 deportistas os rexistrados nunha nova edición da San Silvestre compostelá que se celebrará o 31 de decembro na capital galega. A saída desta novena edición será desde a avenida de Xoán XXIII e a proba disputarase sobre un circuíto de 5 quilómetros en ruta homologados pola federación. O prezo da inscrición será de catro euros.
O Concello de Santiago, a través do seu departamento de Deportes e a Federación Galega de Atletismo, organiza a novena edición da carreira San Silvestre na capital galega. Terá lugar o día 31 a partir das 17.00 horas.
Poderán participar tanto deportistas federados como non federados, pero a idade mínima para poder tomar parte na proba será a daqueles atletas nados no 2010. Os deportistas menores desa idade non poderán tomar parte na carreira e a organización non se fará responsable deles.
O control técnico estará a cargo do comité galego de xuíces da federación. Os atletas que participen no Campionato de Galicia de 5 quilómetros en roteiro deberán inscribirse na proba popular se queren optar aos premios populares.
Saída e chegada
A saída será en Xoán XXIII e a zona de meta estará situada na rúa de San Francisco, xunto á praza do Obradoiro. Nesta edición do 2022 a carreira disputarase xunto co campionato galego de 5 km en roteiro, polo que haberá lugares de saída repartidos por marcas, dando prioridade aos atletas que compitan no campionato galego.
O prazo de inscricións concluirá o vindeiro martes, 27 de decembro, ás 23.59 horas, e a recollida de dorsais efectuarase no centro comercial de As Cancelas: o día 29 de decembro, de 16.00 a 20.30 horas; o 30, de 11.00 a 20.30; e o 31, día da carreira, de 11.00 a 13.30 horas. Excepcionalmente, os dorsais entregaranse na praza do Obradoiro o día 31 de 15.30 a 16.30 horas, aínda que a organización roga que se recollan no centro comercial As Cancelas para evitar posibles atascos e demoras durante a entrega.
Os premios
O acto de entrega de premios será ás seis e cuarto da tarde na rúa San Francisco. Haberá trofeo para os tres primeiros clasificados da categoría de adultos, tanto na competición masculina como na feminina; trofeo para os tres primeiros das categorías escolares; ademais dun premio para o club de atletismo federado masculino e tamén feminino con máis participantes adultos nas probas.
Así mesmo, haberá premios para o grupo popular con máis participantes na proba e para a empresa con máis atletas. Será recoñecido de igual modo o centro deportivo ou ximnasio con máis participantes. A organización premiará ao mellor disfrace de grupo (mínimo de tres integrantes) e aos tres mellores disfraces individuais. Na proba todos os atletas correrán cun chip que irá situado na parte traseira do dorsal, que non poderá ser manipulado. Permitirase correr disfrazado, pero deberase levar o dorsal de maneira visible na zona frontal do corpo.
No ano 2021, no que non houbo o circuíto CorreSan pola pandemia, mantívose a tradicional cita da San Silvestre para pechar o ano en Compostela. Fíxose cunha serie de medidas que tiveron que seguir os 1.170 rexistrados.
Tiveron que usar máscara en todo momento e organizáronse en grupos de 300 para tomar a saída. Así mesmo, o público asistente tivo que respectar a distancia de seguridade de metro e medio.
A San Silvestre compostelá do 2019 bateu o récord de participación na súa sétima edición, alcanzándose a cifra de 2.316 corredores rexistrados. Este ano, o compostelán Andrés Cendán, do Cidade de Lugo, e a americana Tina Fernández, do Atletismo Sar, foron os vencedores. O gañador masculino entrou na praza do Obradoiro cun tempo de 17 minutos e 15 segundos. Tina Fernández, pola súa banda, detivo o crono en 19 minutos e 07 segundos despois de 5,4 quilómetros de carreira.
Satisfacción
O segundo clasificado foi Antón Gómez, da Estrada, con 17.34. O terceiro foi Rodrigo Fraga, do Costa de Allo, con 17.45. Na categoría feminina, detrás de Tina Fernández entraron Marta Prieto, segunda, con 19 minutos e 18 segundos, e Lucía Couñago, terceira, con 20.00. «Non podo pedir máis», sinalou aquel día Andrés Cendán, gañador da San Silvestre, nada máis cruzar a liña de meta. «Gañar en Santiago é marabilloso», comentou Tina Fernández.