domingo 17 outubro 2021

VOLVEMOS A CORRER OUTRA VEZ (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Unha parte moi significativa da poboación practica habitualmente a carreira como un excelente medio para combater a vida sedentaria, reforzando os seus niveis de saúde, lecer e recreación. O feito de non depender de instalacións, poder exercitarse a calquera hora, só ou en compañía, en lugares moi diversos, con moi pouco investimento económico e sen necesidade dunha aprendizaxe previa pola sinxeleza da súa execución, salvo saber administrar o ritmo acorde ás potencialidades de cada suxeito, facilita a decisión.

A gran cantidade de concellos existentes en Galicia, 313 na actualidade, propicia que esta comunidade teña unha das ofertas de carreiras organizadas máis importantes do territorio nacional. Algúns municipios, en especial os de maior poboación, organizan máis dunha proba, incluso un circuíto de carreiras populares, como é o caso da cidade da Coruña.

O impacto económico que ten para cada municipio, dependendo da relevancia e esmero organizativo, é tamén importante, á marxe de proxectar a imaxe deportiva do propio concello.

Coa obrigada suspensión da actividade deportiva, motivada polo  covid, o sector de carreiras populares, do mesmo xeito que outros, foi un dos grandes prexudicados. Aínda na actualidade, algunhas das citas anuais clásicas de Galicia, como a Carreira de Negreira ou a Popular de Santiago, seguen sen anunciar o seu regreso.

Con todo, xa se aprecia na comunidade galega unha volta progresiva, moi meditada e comedida, deste tipo de manifestacións populares. Así o acredita o calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, cada vez máis nutrido e que antes da pandemia chegou a reflectir máis de duascentas carreiras pedestres ao ano. Por exemplo, esta semana realizarase o Media Maratón de Pontevedra.

Hai que poñer en valor o compromiso exemplar manifestado polos corredores, con grandes desexos de volver participar, do mesmo xeito que os clubs, adestradores e xuíces. Con todo, aínda será obrigatorio en todo momento usar a máscara, con indiferenza de estar no exterior, salvo no momento da carreira que é cando se poderá retirar.

Na saída gardarase unha separación de 1,5 metros entre os practicantes que iniciarán a carreira en diferentes quendas para controlar os grupos e facilitar calquera rastrexo, no caso de ser necesario.

As saídas, que nun principio se realizaban de dous en dous cada vinte segundos, foron aumentando a dez en dez e xa na actualidade permítense de cen en cen, co uso de test de  antígenos.

Aínda hai que ter paciencia para a normalidade absoluta, pero estes avances ilusiónannos a todos.