xoves 24 marzo 2022

UN CIRCUÍTO 10 PARA CORUÑA10; Á PROCURA DO RÉCORD (Fonte: www.corunal.gal)

A carreira popular por excelencia da Coruña, Coruña10, presentará na súa décimo sexta edición, o vindeiro domingo 24 de abril, o quinto circuíto da súa historia. O percorrido é practicamente chairo, a nivel do mar e deseñouse para loitar contra o crono e, á vez, para deixarse levar pola beleza da cidade. ¿Haberá récord? Desde 2009 ninguén puido bater as mellores marcas desta proba.

A chaira do Parrote será o punto de partida. Esta vez nin sequera haberá lixeiras subidas no percorrido como a que tradicionalmente levaba cara á Torre de Hércules. O milenario faro será testemuña da competición, pero a certa distancia. O Océano Atlántico verá pasar aos e as atletas polas súas dúas vertentes. Como di o lema deste ano, correrán con el aos seus pés.

Zonas emblemáticas da cidade como a Avenida da Mariña, os Cantóns e o Paseo Marítimo (ata a rotonda dos surfeiros e volta cara á rotonda das Catalinas), forman parte do percorrido.

O Porto, como na anterior edición, a principios de outubro, volve ter protagonismo, pero esta vez non se vai a utilizar a recta de Oza. Accederase á zona portuaria desde San Diego, mesmo punto polo que os e as deportistas sairán uns minutos despois, dispostos a enfilar os dous últimos quilómetros da carreira co obxectivo de cruzar a meta na Dársena cun gran tempo.

O novo circuíto, de 10.000 metros, será homologado nos próximos días pola Real Federación Española de Atletismo. É o quinto trazado de Coruña10 desde que esta proba apareceu no calendario atlético da cidade en 2007. O máis rápido de todos eles. Deseñado para pulverizar rexistros.

Desde 2009, ninguén foi capaz de arrebatarlles os récords da proba a Peter Kirui (28:09) en homes e a Gladys Cherono (31:40) en mulleres. ¿Será o próximo 24 de abril? O prazo de inscrición está aberto ata a semana previa á competición.