venres 19 xullo 2019

TODO LISTO EN VILAÑO PARA A IV CARREIRA POPULAR DO APÓSTOLO

A Laracha e concretamente a parroquia de Vilaño prepárase para celebrar por todo o alto o evento máis multitudinario do concello, que o ano pasado contou con preto de 800 participantes, e que este ano pechou inscripcións con 944 persoas.

Máis de 280 serán os participantes que tomarán a saída  na proba raíña de adultos, os 10K. Entre os nomes que podemos atopar na lista destacan o do vencedor na pasada edición, Amador Pena. Ou o do segundo clasificado, o atleta de Culleredo “Manute” Pérez. Os que tampouco faltarán son Cristian Muiño, que xa sabe o que é gañar en Vilaño. Alberto Morís, actual subcampeón galego de media maratón, Ángel Maceiras, Fady Hout, Juan Álvarez Cures ou o laureado atleta coruñés Ramón Serantes. En categoría feminina a atleta de Mazaricos, Rocío Alvite confirmou a súa asistencia a unha proba que xa venciu en dúas ocasións, e na que este ano se atopará coa triatleta coruñesa Amira Simón. Ademáis, outros 218 participantes correrán nas distintas categoría escolares.

No referente a andaina saudable e solidaria que se disputa de forma paralela á carreira popular, reflíctese un gran aumento de participación respecto do ano anterior, sendo 443 as persoas anotadas, que encherán as ruas de Vilaño de alegría e solidariedade, ao mesmo tempo que se desenvolve a proba de adultos.. Cabe recordar que a metade da recaudación da Andaina saudable e solidaria vai destinada a Cáritas de A Laracha.

A cuarta edición da Carreira Popular do Apóstolo implicará cortes ao tráfico nas principais vías que conectan Vilaño co casco urbán, e que estarán controladas por un total de 5 policías locais e 20 voluntarios de protección civil que se encargarán de regular a circulación ao largo dos dez quilómetros dos que consta o percorrido da proba e que terá lugar o próximo sábado. As principais carreteras de entrada a Vilaño serán cortadas ao tráfico as 17:30 horas. A Organización conta con un amplo aparcamento no lugar de Quintáns que estará debidamente sinalizado desde o casco urbán (Carretera A Laracha – A Silva, km1; no Lugar de Formigueiro xirar á dereita dirección Quintáns).

No referente á recollida dos dorsais e camisetas poderase facer con antelación o venres, o día previo á carreira, na tenda Decathlon de Marineda City (12:00 - 16:00 h) e no Carrefour de Coristanco desde as 17.00 ata as 22.00 horas. Ademáis, o propio día da proba poderanse retirar no Centro sociocultural de Vilaño ubicado no Adro de Vilaño, en horario de mañá (de 11.00 a 13.30) e durante a tarde a partires das 15:00 e ata 15 minutos antes da saída de cada proba.

HORARIOS DAS PROBAS
17.50 – Benxamín - Sub 10/Alevín - Sub 12 (nados entre o 2008 e o 2011) – 1,1 km
18.10 – Infantil Sub 14/Cadete - Sub 16 (nados entre o 2004 e o 2007) – 3,8 km
18.45 – Pitufo (nados entre o 2012 e 2016) – 0,11 km
18.55 – Handbike – 10 km
19.00 – Adulto (2001 ou antes) – 10km // Xuvenil Sub 18 (entre o 2002 e o 2003) – 5 km
19.05 – Andaina Saudable-Solidaria – 3,8 km

A todo isto hai que engadir o duro traballo da propia organización do evento, levada a cabo pola Asociación Adro de Vilaño, que contará con 50 persoas que asistirán aos participantes para que non lles falte ningún detalle. Cabe destacar que presentarán unha zona habilitada para gardería, con monitores especializados para o coidado dos máis pequenos. Tamén haberá pinchos ao remate do evento e mesmo servicio de fisioterapia.