domingo 22 marzo 2020

TERESA CASTRO: «A POBOACIÓN MÁIS NOVA PENSA QUE ESTÁ INMUNE DO CORONAVIRUS, E ISO É UN ERRRO» (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Teresa Castro Villaverde (Noia, 1968) exerce dende hai anos como médica de atención primaria no centro de saúde de Vimianzo, traballo que compaxina coa súa gran afección, que é o deporte. Precisamente esta semana xuntou estas dúas facetas para lanzar unha mensaxe moi importante ós cidadáns en xeral, e aos deportistas en particular, a través da Federación Galega de Atletismo: «Eu non podo quedar na casa estes días, pero vós si, por vós e por min. Sei que é complicado non adestrar, pero pensade que isto é moi serio. Estamos nunha situación de grave perigo. Quedade por todos e por todas». Unha figura como a dela ten moito por contar no período que vivimos.

-Como está levando estes días no traballo?
-Con preocupación, pero á vez, con calma, intentando aportar o que podemos e tratando de organizar as cousas o mellor posible para poder transmitir a mellor información e atención dentro do que podemos.-Hai máis traballo, máis estrés?-É unha forma de traballar distinta, pois moitas das consultas que tiñamos físicas, inténtase na medida do posible que os pacientes non se despracen para evitar que teñan problemas. Comezamos cunha reunión á primeira hora da mañá para a posta en común das últimas novidades, coa xente de urxencias e ordinaria, para tratar de organizar o traballo en función do que nos imos atopar cada día, que como sabedes, é unha situación moi cambiante.

-Está sendo fácil adaptarse a esa nova forma de traballo?
-Tratamos de que sexa o máis completa posible, pero evidentemente, nós non estamos realizando probas que habitualmente facemos e que nos axudan a tomar decisións. Entón, avaliamos riscos e beneficios e tomamos a mellor decisión. Iso dá máis incerteza e aumenta á marxe de erro, pero o paciente tamén se ve beneficiado ao impedir os riscos de contaxio-Teñen suficiente material de protección?-O material é limitado, escaso, inadecuado. Intentamos priorizar as zonas que máis o precisan. Neste sentido, quero resaltar a tremenda ola de solidariedade ao chamamento a confrarías, veciños e empresas que tiveran luvas, máscaras... A min emocionoume especialmente unha empresaria que, ía cara o seu domicilio e, de paso, achegou máscaras á nosa casa que non sabía nin que tiña. Ofrecinme a pagarllas e díxome que non me aceptaba o diñeiro baixo ningún concepto.

-Como ve esta situación na Costa da Morte, onde se coñecen cinco casos, pero poden ser moitos máis?
-Seguro que son máis, non o dubides, o que non quere dicir que as medidas de confinamento non funcionen, senón que polo período da enfermidade e o tempo que precisa de incubación, estamos vendo casos de xente que se contaxiou antes de se ser illados. Quedando na casa logramos que non se expanda máis. Un dato que é importante é que a poboación máis moza pensa que está inmune, e é un erro. Está claro que o grupo de maior risco son aqueles que teñen patoloxías previas ou que son maiores, pero ollo, iso non quere dicir que á xente nova non lle afecte tamén. Esas imaxes que vemos de xente que quere saltar as normas... Isto non o estamos facendo para o Goberno, senón para protexernos a nós mesmas. 

-Dende a súa opinión, cre que habería que tomar máis medidas?
-Nos casos de epidemias, hai que ir paso a paso, dependendo de como evolucione, aínda que pareza desesperante. Agora ben, neste caso, deste calibre, que non sabemos totalmente a magnitude, non se resolve en 15 días.
«Isto non transmítese por vía aérea normal. Ten que alguén esbirrar ou tusir»

-Ante tanta información e novidades constantes, que ás veces levan á confusión, que recomendacións lles dá aos seus pacientes para protexerse?
-Son moi claras. Máscaras se tes síntomas respiratorios, isto é, se tes tose, esbirras... Pero esas cousas que vexo por aí de panos, ou pescozos altos non teñen sentido. Isto non se transmite por vía aérea normal. Ten que alguén esbirrar ou tusir. Vai en gotas de mediano calibre, que permanecen no aire pouco tempo. Pero ten a característica de que nas superficies queda durante moito tempo. Entón, se ti colles un pano para abrir unha porta e logo tocas a cara con ese pano, aumentas o risco de contaxio. O importante é lavar as mans continuamente e manter as distancias de seguridade, algo que non estou vendo.

-O colapso das liñas telefónicas recomendadas tamén preocupa. Cal é o procedemento adecuado a seguir?
-Dende o centro de saúde estamos chamando a todo o mundo que tiña citas. Iso leva un tempo. Por outra parte, o teléfono 900 tarda porque a xente está chamando sen cumprir os criterios. Para dúbidas, pódennos chamar a nós. Ademais, acaban collendo. Estamos encerrados na casa, que présa temos? Deixemos o 061 para aqueles casos que necesitan ser atendidos con urxencia, xa non só de coronavirus, senón de outros problemas que segue habendo.
«Levo moito tempo sen ver á miña nai nin a miña sogra»

-Como compaxina o seu traballo coa familia?-
É unhas das preocupacións grandes que temos os sanitarios, xa non por enfermar nós, senón polo que podes contaxiar na casa. Que facemos? Illarnos. Eu levo moito tempo sen ver á miña nai nin a miña sogra.

«Se ou único que perdemos é a forma física, perdemos moi pouco»

-Ten tempo, ganas e medios para adestrar na casa?
-Ganas téñoas sempre. Un compañeiro moi sabio dixo que cando todo isto pase, se o único que perdemos é a forma física, perdemos moi pouco. Evidentemente, os meus adestramentos nada teñen que ver cos que viña desenvolvendo ata agora. Pero o que está claro é que hai que manterse en forma por saúde e para ilo hai mil e unha formas agora mesmo por Internet para facer na casa.

-A parte da carreira pedestre de Vimianzo do Circuíto Correndo pola Costa, do que é madriña, que máis citas perderá á causa do coronavirus?
-Esta semana tíñaa pedida de permiso para ir ao campionato de Europa máster, que finalmente se suspendeu. Podo entender a angustia da xente que leva preparando tempo unhas olimpíadas e que agora lle parece que foi tempo de traballo tirado pola borda. Pero recórdolles que o corpo ten iso gardado aí para sacar noutro momento. Poñamos cada cousa non seu lugar, diferenciemos entre ou principal e ou secundario.

«Isto non se transmite por vía aérea normal. Ten que alguén esbirrar ou tusir»