luns 15 xullo 2019

RECTA FINAL PARA INSCRIBIRSE NA IV CARREIRA POPULAR DO APÓSTOLO

Este mércores remata o plazo de inscripción no evento que xa supera os 500 inscritos, entre os que están varios coñecidos da Costa da Morte

Á falta de tres días para o peche das inscripcións, son xa máis de 500 as persoas apuntadas para a cuarta edición da Carreira Popular do Apóstolo en Vilaño, no Concello da Laracha, proba que volve a estar integrada no VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación de A Coruña.  A organización ponse como reto superar os 820 inscritos da edición anterior.

O evento foise convertendo ano tras ano nun habitual do Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, o que atrae a corredores de toda Galicia que veñen coa intención de sumar puntuación de cara a clasificación xeral. Por outro lado, o que se pode chamar como andaina de récord xa que na anterior edición foron 350 os participantes, vai camiño de volver aumentar os inscritos. Como cada ano, a metade da recadación será doada a fins benéficos a través de Cáritas de A Laracha.  

Ao igual que nas anteriores edicións, todos os participantes levarán unha camiseta técnica conmemorativa do evento e gozarán dun amplo abanico de servicios que a organización pon a súa disposición. Gardería para os máis pequenos atendida por monitores especializados, zona de recuperación con avituallamento líquido e froita, servicio de fisioterapia ofrecido por Diego Pérez, zona crioxénica consistente nunha piscina con xeo para relaxación muscular e pinchos ao remate. Así mesmo, todos os participantes na Andaina saudable e solidaria levarán un agasallo saudable, repetindo a costume de edicións anteriores. Ademais, como é tradición haberá pinchos ao remate para tódolos asistentes.

As inscricións permanecerán abertas ata este mércores 17 de xullo de forma online na web www.carreirasgalegas.com e de forma presencial tanto no Concello de A Laracha, Piscina Municipal ou Cultiagro.