O pasado 15 de marzo, a Autoridade Portuaria da Coruña denunciou a desaparición da escultura de bronce do excelso faro de Punta Nariga, en Malpica. Atopáronse os restos, xa partidos, o 31 de marzo deste ano nunha chatarrería de Alvedro, nas proximidades da Coruña. Esta xoia da ourivaría denominada Atlante é obra do desaparecido artista Manolo Coia e pertence ao conxunto arquitectónico do faro, desde que o deseñador e arquitecto César Portela entregou o seu soberbio traballo para dotar a esta contorna máxica dunha obra para a posteridade.
As súas formacións rochosas singulares convérteno nun espazo único, golpeado polo mar e con grandes contrastes de cambios de luz. Agora, as súas postas de sol quedaron menoscabadas pola falta do atlante, metade ser humano, metade ave mariña a piques de voar.
Polo roteiro dos faros
Aínda que a Administración portuaria estuda tanto a súa substitución como as coberturas dos seguros, a organización do primeiro Trail Costa da Morte empéñase en concienciar a todo o mundo e dotar de valor a esta contorna coa saída desta dura proba desde este faro que necesita recuperar o atlante furtado a todos, e que a Dirección Xeral de Patrimonio cualifica como un ben de interese cultural e patrimonial de Galicia.
Esta proba partirá o vindeiro sábado 16 de xullo ás 9.30 horas, cando se dará o pistoletazo de saída cara a Malpica. O traxecto transcorrerá pola denominada como roteiro dos faros, na que os senderistas cada ano aumentan o seu número e percorridos. Os cantís de Nariga darán paso ao porto de Barizo e a súa praia, para seguir cunha dura subida por devasa ata o alto de Seiruga. Continúa por camiños de Beo e enfila unha agreste subida ao máximo punto de altura do cabo Santo Hadrián, fronte ás Illas Sisargas, para descender logo á ermida e acelerar cara a Seaia e os seus areais.
Entre dous e catro horas
Unha senda peonil dirixe cara á vila de Malpica e o seu paseo marítimo, onde accederán os participantes á meta situada na praza do concello. En total, 18,2 quilómetros de roteiro salvaxe en plena natureza de costa atlántica, que uns calculan realizar en máis de catro horas e outros, en pouco máis de dous.
En definitiva, unha proba para deportistas moi adestrados e de alto nivel, afeitos á carreira con fortes cambios de ritmo e case sempre fose do asfalto. Os tempos deste puñado de deportistas de altas prestacións van deixar sorprendidos a moitos, sen ningunha dúbida.
Unha gran paella «mariñeira» servirá para repoñer forzas tras a carreira
Esta tipoloxía de probas require de boa infraestrutura, plan de seguridade, voluntariado e control monitorizado dos deportistas. O Club de Atletismo Marineda e a Federación Galega están a render ao cento por cento e en tempo récord para que esta elite de corredores termine con éxito unha proba que se espera consolide un próximo circuíto da modalidade en plena Costa da Morte.
Para culminala con maior gusto, o Concello de Malpica prepara tamén unha gran paella mariñeira para 150 persoas, entre deportistas, acompañantes e demais. Malpica colabora tamén co voluntariado, Protección Civil e a Policía Local.
A presentación oficial terá lugar no Concello o vindeiro xoves día 14 ás 12.30 horas, cos representantes das entidades deportivas e municipais, para confirmar data en virtude do número de inscricións debido á concorrencia doutras probas na contorna e cumprimentar detalles da proba e a iniciativa turística da gran paella mariñeira. Por tanto, avecíñase unha fin de semana de potente actividade deportiva en pleno roteiro dos faros, cun broche de ouro gastronómico na vila mariñeira de Malpica.