luns 14 marzo 2022

PRESENTACIÓN DO I TRAIL COMARCA DO ULLA TAMBRE

O pasado venres día 11 tivo lugar a presentación oficial do I Trail Comarca do Ulla Tambre que se disputará o 3 de abril.
O acto contou ca presenza dos alcaldes de Touro e O Pino, Ignacio Codesido e Manuel Taboada; así como dos respectivos téncicos de deportes dos citados concellos, José Ramón Puga e Iván Sanmartín. Todos os poñentes salientaron a importancia desta cita, a primeira organizada polos dous concellos e animaron aos aficionados ao atletismo e senderismo a participar nesta nova competición.
Os tres primerios clasificados e as tres primeiras clasificadas de cada categoría recibirán un agasallo tras a finalización da proba. O primeiro clasificado e a primeira clasificada na categoría absoluta levarán, ademais, un premio consistente nunha noite con almorzo nunha casa rural. Outra estancia tamén será dada ao clube gañador.
Cunha distancia aproximada de 20 kilómetros, con saída na área recreativa de Brandelos (Touro) e chegada no cruceiro da igrexa de Arca (O Pino), e un desnivel positivo de 750 metros, o Trail recorre ambos concellos mostrando as súas paisaxes máis fermosas.
As persoas participantes deberán concentrarse na meta e recoller os seus dorsais amosando o certificado covid. Despois serán trasladads en bus ata a saída. O prezo da inscrición é de 12 euros.