domingo 11 novembro 2018

PONTEVEDRA CORRE CON DIABETES (Fonte: www.farodevigo.es)

O Día Mundial da Diabetes está dedicado este ano ás familias e con ese motivo a Asociación de  Nenos e Meniñas con  Diabete de Galicia,  Anedia, prepara unha programación que ten como actividade central a quinta Milla Solidaria no centro da cidade. Será o domingo 18 na avenida de Montero Ríos, pola mañá.

O programa inclúe actividades formativas, ou charlas de asesoramento e como cada ano iluminaranse en azul diferentes edificios públicos, como o  Concello, ou a Deputación Provincial.

Nesta celebración quérese destacar o papel dos nenos e adolescentes con diabetes como membros dunha familia e como futuros  formadores dunha familia. Para o primeiro,  Anedia traballa para lograr a plena integración en todos os ámbitos, ou lograr todos os recursos que necesitan na sanidade. Como futuros  formadores de familias, a agrupación interésase polo acceso ao emprego dos afectados e por iso é polo que  Anedia ampliase o seu campo de actuación aos 30 anos de idade do paciente. "Hai moitos lugares nos que se lles rexeita e un dos máis claros e que agora está na mente de todos son os corpos de seguridade do Estado", explica Ana Pérez, presidenta de  Anedia.

A asociación reivindica ademais o acceso de todos os afectados aos medidores para control continuo de  glucemia, que o Sergas pretende facilitar só ao menores pero desde  Anedia lembran que cando os nenos crecen teñen que seguir utilizando esas tecnoloxías.  Anedia reivindica o acceso destas tecnoloxías para todas as idades. Critica, por outra banda, que nas escolas o protocolo está a demostrar ser insuficiente, "a pesar de que cada vez se coñece mellor a situación dos nenos con diabetes nos colexios".

Gonzalo Méndez, director técnico da Milla, explica que se trata dunha proba aberta a todas as idades e todas as capacidades, que ademais da Milla federada conta tamén cunha Milla popular (1.600 metros) e mesmo unha " andaina", que consisten nunha volta á alameda e que "pode facer todo o mundo".

Na milla elite, ou federada, sairán as mozas 40 segundos antes que os mozos, para darlle maior vistosidade á proba. Méndez, do mesmo xeito que Ana Pérez, anima a inscribirse na Milla Urbana  Anedia, para "demostrar que con diabetes pódese facer absolutamente de todo e que non nos paren", como apunta Ana Pérez.

A concelleira de Deportes,  Anxos  Riveiro, recoñeceu o traballo que realiza  Anedia durante todo o ano para visibilizar a enfermidade en todos os ámbitos e lograr superar as barreiras aínda existentes.