venres 01 febreiro 2019

PARTICIPA DUNHA MANEIRA DIFERENTE: APÚNTATE AO VOLUNTARIADO DEPORTES CORUÑA (Fonte: www.coruna.gal)

O éxito de Coruña21, así como de todas as carreiras que se desenvolven na cidade herculina, é froito non só da participación ou dos logros deportivos, senón tamén de todas as persoas que colaboran na organización, con especial mención ás voluntarias.

Elas e eles constitúen unha parte fundamental para o bo desenvolvemento destas probas e compoñen un grupo de traballo con diferentes motivacións, aos que lles gustan os eventos deportivos e que comparten a súa vontade altruísta de colaborar e apoiar diferentes acontecementos da cidade.

Nas súas enquisas de cada carreira, os e as corredoras deixan constancia da súa valoración a todas e cada unha das persoas voluntarias, que son sempre cualificadas cun 10 pola súa calidade humana, polo seu gran labor, polo respecto e a calor que transmiten en cada unha das súas accións.

Sen a vosa presenza, sumando esforzos co obxectivo de contribuír ao éxito, os eventos deportivos na nosa cidade non serían posibles.

Fan falta moitas mans que se sumen para sacar adiante unha proba que non comeza o mesmo domingo, senón moito antes, para poñer a punto cada un dos detalles que fan posible que unha cita deportiva deste calibre saia á perfección edición tras edición.

Agardámoste se tes máis de 18 anos e queres colaborar: inscríbete a través desta ligazón