domingo, 31 de decembro de 2017

O VENTO DEU ÁS AOS ATLETAS (Fonte:www.lavozdegalicia.es)

Un ano máis, e xa son cinco, a Pedestre do Anllóns foi todo un éxito con máis de trescentos participantes (340). Chegados de toda a provincia, os deportistas citáronse no pavillón Vila de Noia, onde a saída estaba marcada para as 16.30 horas. E non se atrasou nin un só minuto. Desde o lonxe xa se respiraba o gran ambiente pola música, e alí púidose comprobar cunha gran afluencia de público. Tamén houbo quen se animou a disfrazarse con algunha perruca ou tutú, aínda que a maioría dos atletas optaron pola roupa cómoda. Estaba activada a alerta amarela por vento, pero a forza non foi tal, aínda que algún refacho si que azoutou.
Os xuvenís, júniores, promesas, séniores e veteranos foron os primeiros en tomar a saída. Fixérono ao longo do paseo fluvial durante, nin máis nin menos, que 8 quilómetros e 90 metros. Posteriormente entraron en liza os cadetes e infantís (2,05 kms), os alevíns e benxamíns (440 m) e, xa para rematar, as grandes promesas do futuro: os pitufos (130 m). Todos tiveron cabida nunha carreira no que realmente importaba era pasarllo en grande.

Nesta edición, os gañadores absolutos foron auténticas sorpresas. Na categoría masculina, José Miguel Gómez ocupou o primeiro posto do pódium. Boirense, de corenta anos, decidiu asistir por vez primeira, precisamente para celebrar o seu aniversario. E non se arrepentiu: «Pareceume un percorrido moi bonito, rápido e fácil. Teño pensado volver», explicou. Esa felicidade puido apreciarse no momento que cruzou a meta, cando colleu ao seu fillo en brazos e alzouno ao ceo. A outra cara foi Laura Núñez, coruñesa de tamén 40 anos que, tras participar en dúas edicións anteriores, logrou nesta proclamarse campioa, a pesar de estar a saír dunha lesión. «O vento fastidou un pouco nas costas, pero leveino ben», comentou.

A cita terminou coa entrega de trofeos e medallas, onde se viviron momentos emotivos. Todo saíu perfecto, sen ningunha incidencia, salvo un desmaio.