sábado 25 maio 2019

O ORTEGAL 21 K REÚNE A 445 ATLETAS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O atletismo gaña enteiros na comarca do Ortegal. Froito da colaboración entre os  Concellos de Ortigueira e Cariño, coa axuda da Federación Galega de Atletismo, nace a Ortegal 21 K. Dispútase na xornada de hoxe, a partir das cinco da tarde, con saída na zona da Alameda, en Ortigueira, e final nas inmediacións do  Concello de Cariño tras percorrer os 21.097 metros dun media maratón.

A Ortegal 21 K será aproveitada, á súa vez, para organizar o campionato galego absoluto de media maratón, así como o Campionato de España da mesma modalidade en máster.
Ao peche da inscrición, un total de 445 deportistas, chegados de distintos puntos de Galicia e tamén do resto de España, formalizaran a súa inscrición para tomar parte nesta carreira.
Debido á disputa desta proba están previstos cortes de tráfico nas estradas Cariño-Mera e Ferrol-Viveiro. Seguindo as indicacións da DXT, infórmase de que se establecerán os seguintes cortes:
Ás 16.45 pecharanse as saídas desde Ortigueira e Cariño pola AC-862 e a CP-6121.
A vía recomendada de saída e entrada a Cariño será sempre a CP-2205 (Cariño- San Andrés de Teixido- Cedeira).
Ás 17.10 pecharase a CP-6121 en Mera dirección Cariño, e non volverá ser aberta ata o final da proba.
Estímase que sobre as 18.15 a estrada AC-862 quedará totalmente aberta ao tráfico. A estrada CP-6121 irase abrindo segundo vaia transcorrendo a proba no tramo Mera-Cariño. Todos os horarios son estimados, podendo variar en función do que decidan as autoridades.