xoves 04 outubro 2018

O CONCELLO DESPREGA UN DISPOSITIVO ESPECIAL DE TRÁFICO (Fonte: www.coruna.gal)

A enseada do Orzán acolle este domingo, 7 de outubro, unha nova edición da Carreira Popular Coruña10, organizada pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento. A celebración da proba, na que participarán máis de 4.180 persoas, provocará modificacións na circulación do tráfico rodado durante o seu desenvolvemento.

O dispositivo comezará ás 6.00 horas con afección na avenida da Habana, punto no que se situará a saída da carreira. Desde ese momento, e até as 9.45 horas, desviarase o tráfico da avenida da Habana cara á praza de Portugal e Alfredo Vicenti. A partires das 9.45 e até as 10.20 horas, producirase o corte total na zona polo paso da carreira e, até as 11.30 horas, volverase a desviar o tráfico da avenida da Habana cara a praza de Portugal e Alfredo Vicenti. Finalmente, contra ás 11.30 horas, recuperarase a conexión co Paseo Marítimo. Ademais, entre as 8.00 e as 14.00 horas cortarase o Paseo Marítimo, á altura do Pazo dos Deportes de Riazor --no que se situará a meta--, e Manuel Murguía entre Almirante Eulate e Calvo Sotelo. Na zona de Manuel Murguía. entre as 8.00 e as 10.30 horas desviarase a circulación por Almirante Eulate, Julio Rodríguez Yordi, Praza Marina Mercante e Paseo de Ronda. Entre as 10.30 e as 14.00 horas, desviarase por Almirante Eulante e Manuel Murguía para finalmente, recuperar, contra ás 14.00 horas todas as conexións ao tráfico e liberando a zona.

En relación ao circuíto, e ao paso do grupo polo mesmo, entre as 9.45 e as 10.15 horas está previsto o paso das e dos participantes por Paseo de Ronda, polo que se cortará a vía entre Gregorio Hernández e Manuel Murguía e o tráfico desviarase cara a Peruleiro e a rotonda do pavo real. Tamén nese tempo cortarase o acceso á rúa Pedro Ferrer -- na que se atopa o aparcadoiro da Casa da Auga--.  Entre as 9.45 e as 10.30 horas, producirase o corte total da circulación no Paseo Marítimo, desde a glorieta do Millennium até a rúa Almirante Eulate e o tráfico reporase entre as glorietas ao paso da última persoa participante.

Outras afeccións
A celebración da Coruña10 provocará outras afeccións ao estacionamento. Así, suprimirase diante do Pazo dos Deportes desde o sábado 6, ás 8.00 horas, así como no Paseo de Ronda á altura das Esclavas. Nas zonas de estacionamento que se atopen dentro do percorrido prohibirase desaparcar entre as 10.00 e as 11.30 horas, e entre as 9.45 e as 11.15 horas suprimirase a entrada de vehículos ao aparcadoiro do Aquarium Finisterrae.

Finalmente, de 8.00 a 14.00 horas, suprimirase a parada de taxis de Paseo de Ronda - Esclavas.