sábado 11 febreiro 2023

NEHEMIAH KIPYEGON E NANCY JEPLETING, PRINCIPAIS ASPIRANTES Á CORUÑA 21

No caso da carreira masculina, o tempo de referencia é o que logrou Hosea Kiplimo en 2020 (1h02:30), mentres que en mulleres sitúase en 1h11:16.

Os atletas kenyanos serán os rivais para bater. Na liña de saída estará Nehemiah Kipyegon, que conta cun mellor tempo de 1h00:37, o que logrou o pasado 22 de xaneiro en Santa Pola, onde foi segundo. 

Uns días despois impúxose no medio maratón de Xetafe, onde marcou 1h02:09, con só dous segundos de vantaxe respecto a Edwin Kipruto, que tamén estará na C21. No seu caso, a mellor marca é 1h00:59 e a obtivo en Santa Pola cun cuarto posto.

A finais de xaneiro, no medio maratón de Terrasa, o ouro levouno Dominick Kipkirui cun tempo de 1h03:14, récord da proba. Con todo, foi en Santa Pola onde logrou o seu mellor tempo nesta distancia (1h01:05), que lle valeu para ser quinto. Kipkirui está inscrito en Coruña21.

Outros atletas a ter en conta son Peter Kariuki, cunha mellor marca de 1h02:15 en medio maratón, e o vencedor da tempada pasada en Coruña21, Hicham Sigueni, que en 2022 cruzou a meta na carreira herculina en 1h03:10, 9 segundos peor que a súa mellor marca persoal, a que logrou en Terrassa en 2021. 

En categoría feminina, Nancy Jepleting preséntase na Coruña tras concluír en 1h10:48 o media maratón de Santa Pola, onde foi cuarta. Gañou recentemente o cros de Cáceres e a media de Terrassa (1h12:41) co récord da proba.

Aicha Bani, cuarta a tempada pasada en Coruña21, tentará mellorar o seu rexistro de 1h18:48 na proba herculina, que levou Valentine Jebet (1h15:02) en 2022.