luns 24 xuño 2019

ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NA XXIV CARREIRA POPULAR CONCELLO DE ORDES (Fonte: Concello de Ordes)

Ata o vindeiro mércores, 26 de xuño, manterase aberto o prazo de inscrición para participar na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes. A proba englóbase dentro do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e terá lugar o próximo domingo, 30 de xuño. Como novidade paralelamente tamén se celebrará a I Andaina Popular Contra o Cancro en colaboración coa xunta local da AECC. Ambas citas están abertas a todas as persoas que queiran participar, indistintamente de que estean federadas ou non. A día de hoxe xa se teñen contabilizadas 130 atletas para a carreira popular e 70 para a andaina.

Todas as inscricións, incluídas as da andaina, deberán facerse a través da páxina galega www.carreirasgalegas.com. Cómpre ter en conta que os equipos ou clubs que desexen optar aos premios en metálico deberán formalizar a inscrición individual de cada compoñente e ademais remitir un correo electrónico á dirección FGAsantiago@gmail.com no cal se reflectirá a composición de atletas e os datos persoais de cada un deles (nome e apelidos, data de nacemento, localidade de procedencia, club e número de licenza federativa no caso de tela).

O prezo para a proba absoluta é de 4 euros mentres que as categorías escolares serán de balde. Por outra banda, a andaina ten un custo de 2 euros que serán destinados integramente á AECC, ao igual que parte do recadado na proba absoluta (1 €). Tamén existirá un "Dorsal 0" a través da web www.carreirasgalegas.com para poder facer achegas económicas indiferentemente de que se participe ou non en ambas as probas. 

As probas darán comezo a partir das 10 horas. No caso da andaina a hora de saída será ás 10.10 horas. Nesta nova edición da Carreira Popular poderán participar corredores e corredoras de todas as categorías a partir da baby (nados/as en 2014 e anos posteriores). Outra das novidades é o novo percorrido establecido, o cal vai dende os 8.300 ata os 400 metros segundo a categoría, sendo de 4.200 metros no caso da andaina. Itinerarios que no caso das probas máis relevantes discorrerán tanto polo casco urbano como polas inmediacións da vila. En calquera caso e ao igual que en edicións anteriores a alameda de Ordes será punto de encontro para as persoas participantes.

Os premios en metálico serán de 150, 80 e 50 euros para os primeiros clasificados na proba absoluta (varóns e mulleres) e tamén para os clubs federados. No caso dos grupos do municipio as contías serán de 150, 100 e 50 euros. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, para as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes da carreira SUB 18, SUB 20 SUB 23 Sénior e Máster. Na proba absoluta tamén se lles outorgará trofeo aos tres primeiros clasificados do Concello e aos participantes máis novo e veterano de cada categoría que cheguen á meta. Os trofeos non serán acumulativos.

Como de costume habilitaranse duchas na piscina municipal do Muíño, ademais de dispensarse avituallamento e unha camiseta a todas e todos os atletas que conclúan a proba. 

Para calquera aclaración pódese chamar ao 981680002 (ext.5) ou ben consultar as páxinas www.ordes.gal, www.carreirasgalegas.com e www.atletismo.gal. 

Fonte: Concello de Ordes