O II Trail-cros e andaina Comarca do Ulla-Tambre celébrase o 23 de abril entre os Concellos de Touro e O Pino
• O Trail-cros terá un percorrido de 18KM entre a área recreativa de Brandelos
(Touro) e o cruceiro de Arca (O Pino), mentres que a andaina será de 5KM con saída na Carballeira de San Pedro (O Pino) con meta tamén no cruceiro de Arca.
• Aberto o prazo de inscrición ata o mércores 19 de abril en www.carreirasgalegas.com.
Touro, O Pino, 12 de abril do 2023 – A II edición do trail-cros Comarca do Ulla-Tambre celebrarase o domingo 23 de abril entre os Concellos de Touro e O Pino. Este a proba deportiva contará tamén cunha andaina de aproximadamente 5KM.
As persoas participantes deberán concentrarse na meta, situada no cruceiro da igrexa de Arca. Alí deberán recoller os seus respectivos dorsais e despois serán trasladadas en autobús ata o punto de saída do trail e da andaina.
Durante a carreira, os atletas pasarán pola senda da fervenza do Batán e o mirador do coto de San Sebastián (Touro), máis tarde subirán ata o mirador do Picón (O Pino) e baixarán ata Astrarata chegar a meta no cruceiro da igrexa de Arca. Un percorrido que permitirá descubrir aos participantes os fermosos paisaxes de Touro e O Pino.
Categorías, inscrición e premios
Na proba establécense cinco categorías (sénior, máster 1, 2 e 3, e absoluta, tanto masculina como feminina). O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de abril ás 23.59 horas na web de Carreiras Galegas, na que tamén se pode consultar o regulamento. O prezo da inscrición para o trail-cros é de 12 euros mentres que para a andaina é de 4 €.
Organizada pola Sociedade deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, a proba forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo.
A organización estableceu premios en produtos da zona para os 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría establecida no regulamento, un premio “especial sorpresa” para o /a primeiro/a absoluto/a, outro para o/a primeiro/a absoluto/a atleta local e un agasallo técnico para todos os participantes. Por outra banda, tamén se estableceron permios económicos aos tres primeiros clubes federados.