Coruña21 regresa o próximo 12 de febreiro de 2023 cun circuíto que mantén a esencia de 2022, cunha soa volta ao trazado, pero esta vez cambiará o sentido do percorrido.
As persoas que participen no Medio Maratón Atlántico comezarán e concluirán a proba no Obelisco, como foi habitual na C21, a intermedia das tres grandes do atletismo coruñés.
Esta vez, dirixiranse en primeiro lugar cara á zona de Ramón e Cajal, Salvador de Madariaga e o Porto. Completarán así 10 dos 21 quilómetros do percorrido.
Na segunda parte da C21, as e os atletas correrán polo lado das praias, en sentido Riazor, ata a Casa da auga, e posteriormente, cara ao Aquarium Finisterrae, onde se virará para encarar a recta final da proba, polas rúas do centro. Pasarán polas rúas Sol, San Andrés e Santa Catalina, chegarán a Porta Real e volverán cara ao Obelisco para cruzar a meta despois de completar algo máis de 21 quilómetros.
O novo circuíto, cuxa homologación está prevista para xaneiro, volverá ser chairo, practicamente a nivel de mar, e rápido, para que as persoas deportistas gocen e poidan mellorar as súas marcas.
A décimo quinta edición de Coruña21 mantén aberta a súa inscrición ata as 23.59 horas do 5 de febreiro de 2023 e forma parte do calendario da Real Federación Española de Atletismo.