luns 07 outubro 2019

CHERUIYOT, O MÁIS RÁPIDO (Fonte: www.elidealgallego.com)

O kenyano  Shamack  Kiprop  Cheruiyot chegaba a Coruña10 como o gran favorito e cumpriu os prognósticos ao impoñerse na décimo terceira edición da carreira popular herculina. O fondista africano foi o único dos participantes que baixou dos trinta minutos (29:53). En mulleres, a venezolana  Joselyn Brea foi a máis rápida (33:21), batendo ademais o récord do seu país na distancia de 10.000 metros.

Cunha temperatura moi agradable e ceo nubrado (condicións idóneas para unha proba destas características) comezou na avenida da Habana a competición. Xa desde os primeiros quilómetros o kenyano distanciouse dos seus rivais, dominando sen apuros a proba.

Máis emocionante foi a loita polo podio. Ao final a segunda posición foi para o  exmundialista arzuán Lolo Penas (30:10). Pechou o podio o leonés Sergio Sánchez (30:13), que tivo que esforzarse ao máximo para defender a terceira praza fronte a Alejandro Fernández Rivera, ao final cuarto con 30:14.

Como é habitual, xunto aos homes correron as mulleres. E en Coruña10 destacaron dúas competidoras nos primeiros postos. Eran  Joselyn Brea e a leonesa Mónica Gutiérrez. Vixésimo terceira e vixésimo cuarta respectivamente na clasificación absoluta, deleitaron aos espectadores cun bonito duelo pola vitoria. Impúxose a  suramericana, superando en vinte segundos o rexistro que ela mesma fixera hai dous anos en Madrid.

Con todo, Mónica Gutiérrez, por só un segundo, tivo que conformarse coa segunda praza (33:22), mentres que a terceira correspondeu á fondista viguesa  Ester Navarrete, xa en posicións máis atrasadas (34:21).