martes 05 xuño 2018

CENTENARES DE ATLETAS DARANSE CITA EN XULLO NA CARREIRA POPULAR DE VILAÑO (FOnte: www.lavozdegalicia.es)

Con firmes intencións de chegar ao milleiro de corredores, e volvendo imprimirlle unha vertente solidaria, xa está en marcha a terceira edición da Carreira Popular do Apóstolo, organizada pola Asociación Cultural Adro de Vilaño, en colaboración co Concello da Laracha.

Celebrarase o 21 de xullo, un sábado, en conxunto coa Andaina saudable e solidaria coa que a organización pretende recadar fondos para os máis necesitados do Concello doando a metade do recadado a Cáritas.

Os percorridos desta cita, na que o ano pasado tomaron parte 700 corredores, serán practicamente idénticos aos de edicións anteriores -para todos os públicos, desde nenos de 3 anos ata veteranos- sendo de 10 quilómetros a proba absoluta, e de 3,8 a andaina solidaria.

A cita desenvolverase en horario de tarde, dando comezo ás 17.50 coas categorías basee, e estando fixada para as 19.00 a saída da proba absoluta e para as 19.05 a andaina saudable.

Fonte: www.lavozdegalicia.es