luns 10 outubro 2016

AMES ACOLLE A XVII CARREIRA PEDESTRE POPULAR E O CAMPIONATO DE GALICIA 10K EN RUTA O DOMINGO 23 DE OUTUBRO (Fonte: www.concellodeames.gal)

Esta mañá o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da décimo sétima edición da carreira pedestre popular Concello de Ames e do campionato de Galicia de 10 quilómetros en ruta, que se desenvolverán o domingo, 23 de outubro, a partir das 11:00 horas. Por primeira vez Ames acolle este campionato que se celebrará de xeito conxunto coa proba popular. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 19 de outubro. A esta presentación asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o delegado da federación en Santiago, Iván Sanmartín, e o presidente do Club de atletismo Millaraio, José David García. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 11 categorías.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo, 23 de outubro, a décimo sétima edición da carreira pedestre popular que será a súa vez campionato de Galicia das categorías júnior, promesa, absoluta e de veteranos de 10 km en ruta da tempada 2015/2016. Este ano esta proba presenta varias novidades. A primeira e máis importante é que esta proba deportiva organízase de xeito conxunto co campionato galego de 10 quilómetros en ruta que se desenvolve por primeira en vez no municipio amesán. 

A segunda novidade é que este ano a saída e meta estarán instaladas na rúa Alcalde Lorenzo ao carón da praza do Concello. Esta modificación está motivada pola adaptación do circuíto de 10 km para que fose homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Polo tanto, a terceira novidade, é que se creou un novo o circuíto para poder acoller este campionato galego, que se caracteriza por dispor dun trazado moi chan e que combina natureza polo rural e zonas urbanas. 

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explicou que “o goberno municipal ten o obxectivo de dar a coñecer Ames a través do deporte e a organización deste campionato galego de 10 km en ruta é unha boa oportunidade para iso. Creo que un concello como Ames ten que destacar no deporte. Poder organizar este campionato, que na actualidade é unha das probas máis importantes da Federación Galega de Atletismo, é moi importante para que os atletas se acheguen a Ames. Deste xeito, poderán correr por un circuíto que combina espazos verdes e urbanos. Ademais, unha parte do percorrido discorre pola senda de Sisalde, onde queremos facer un investimento para que se converta nunha senda verde para todos os veciños e veciñas”. 

Por outra banda, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, agradeceu “ao Concello de Ames por albergar este campionato galego de 10 km en ruta, xa que se trata dun evento importante dentro da oferta que realiza anualmente a Federación Galega de Atletismo. Este tipo de eventos serven para animar a veciñanza a practicar deporte e a adoptar uns hábitos saudables de vida”. Isidoro Hornillos tamén destacou que “Ames conta cunha carreira pedestre popular xa moi consolidade e que vai pola súa décimo sétima edición”. 

Inscricións telemáticas e presencias 
Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. Para o campionato de Galicia de 10 km en ruta deberase estar en posesión de licencia federativa en vigor da tempada 2015/2016. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata á media noite do día 19 de outubro. As inscricións de todas as probas realizaranse a través da web www.emesports.es enchendo o formulario de inscrición. Tamén se poderá realizar de xeito presencial nas tendas deportivas: Deportes Amesport e Deportes Metrópolis. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira. 

As inscricións para o campionato de Galicia de 10 km en ruta realizaranse a través da plataforma da RFEA https://isis.rfea.es/sirfea2/ e será gratuíta. Os atletas que se inscriban neste campionato galego, e que desexen optar aos premios da carreira popular (trofeos e premio en metálico), deberán formalizar tamén a súa inscrición na proba popular. As persoas que desexen participar na proba absoluta (de xuvenil a veterano) terán que aboar unha cota de 5 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para a carreira escolar (de pitufo a cadete) é gratuíta. Calquera dúbida que teñen no proceso de inscrición dos adultos poderán resolvela chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es.

O delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago de Compostela, Iván Sanmartín, destacou que “este ano deseñouse un circuíto que vai a discorrer pola senda máis transitada polos veciños e veciñas amesáns que practican este deporte. Trátase do camiño que vai cara a depuradora de Sisalde”. Iván Sanmartín explicou que “nestes intres xa hai máis de 300 inscritos e aínda quedan dúas semanas para que se celebre este evento. Ademais, a celebración do campionato galego de 10 km en ruta vai a dar un impulso importante a esta carreira a nivel da calidade dos participantes. Este é un reclamo para os atletas profesionais. Aquí o imporante é mesturar a parte popular coa parte federada”. 

Horarios e distancias
Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 11:00 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 22 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba. 

Ás 12:30 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2012 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2001 e 2011. Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Haberá premios en metálico individuais para os cinco primeiros clasificados da proba popular que irán dende os 300 euros ata os 50 euros.