xoves 05 setembro 2019

A PEDESTRE DE MALPICA VIVIRÁ A SÚA EDICIÓN MÁIS MULTITUDINARIA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O Concello de Malpica está de celebración. Para a carreira pedestre que se celebrará este sábado na vila a partir das 18.00 horas, apuntáronse 204 corredores, a cifra máis alta de todas as edicións (esta será a cuarta). Ademais, o ritmo de inscrición deu un salto tremendo nas últimas 24 horas.
O técnico de Deportes, Pablo Lista, mostrouse onte moi contento co resultado logrado: «É unha data complicada porque durante o mes de agosto, non se adoita adestrar. Pero sabemos que a xente que vén é polas vistas, que son espectaculares, e polo bo trato da organización [ao termo haberá ágape]».
A cuarta edición trae novidades. A primeira, que a proba estrela, a 10K, pasa a ser un quilómetro máis curta: «Debido ás obras que, en principio, ía haber na rúa principal, recortamos o percorrido polo porto e xa imos directos ó paseo da praia dende a casa consistorial», explica Lista. O traxecto continúa polo lugar de Seaia ata a capela do Santo Hadrián, para logo volver polo atractivo carreiro que bordea a costa ata o paseo marítimo. Tamén nas categorías inferiores hai cambios: «Houbo unha adaptación real das distancias», comenta Pablo. Desta forma, na biberón o itinerario pasa a ser de 100 metros; na benxamín, de 740; na alevín, de 1.250, e na infantil e cadete, de 2.000. Os participantes máis novos terán obsequio asegurado. Entre os restantes, os mellores clasificados recibirán un trofeo «único», recalca o técnico, elaborado por Eloy Mancebo de Feituras, en Buño. Buscan así fomentar o turismo activo, explica. 

O traballador municipal fala claro: «É unha carreira moi dura. Os chanzos en costa da praia de Seaia matan ós atletas». O sol e o nordeste característico de Malpica acompañarán aos participantes. Esta proba ten, tamén, unha vertente solidaria. Por terceiro ano consecutivo, unha parte das inscricións destinaranse á Asociación Española Contra o Cancro: «É algo que nos enche de orgullo», expresou Pablo.