venres 01 xuño 2018

A NOCTURNA INCORPORA TROFEOS PARA OS PRIMEIROS LOCAIS EN CRUZAR A META (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A Nocturna Estradense, a primeira das carreiras do circuíto Corre A Estrada Corre , celebrará a súa sétima edición o venres 22 de xuño con algunhas novidades. Segundo informa o edil de Deportes, Ismael Pena, esta vez haberá seis trofeos para os tres primeiros homes e mulleres estradenses en cruzar a liña de meta na categoría absoluta. Ademais, establecerase unha nova categoría Veterán C para cubrir o baleiro existente entre tramos de atletas veteranos e especifícase no regulamento que os corredores só poderán optar a trofeo nas categorías nas que estean inscritos. Outra das novidades é o atraso da hora de inicio en media hora.

Nesta ocasión as probas das categorías inferiores comezarán ás 21.00 horas e a absoluta ás 23.00 horas, buscando que a carreira sexa nocturna literalmente. Ademais, este ano a carreira está no circuíto da Federación Galega de Atletismo e será supervisada por xuíces.A saída festexarase de novo con lumes, luces e confeti. Terá lugar na rúa Calvo Sotelo, fronte á sala Abanca. O percorrido será o mesmo que na última edición.

Inscrición aberta
A inscrición acaba de abrirse e poderá realizarse ata o mércores 20 de xuño ás 23.59 horas na web www.emesports.es. Nas categorías inferiores a inscrición é gratuíta e na proba absoluta costa 4 euros.

A proba desenvólvese nun circuíto urbano de catro quilómetros ao que os corredores da proba absoluta deben completar dúas voltas.