sábado 11 marzo 2023

A DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN PARA A CARREIRA DO PRÓXIMO SÁBADO É ESTE DOMINGO ÁS 23.59 HORAS (Fonte: www.corunacorre.com)

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe a décima edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre.

A primeira das probas será a Carreira Popular Torre de Hércules 'Trofeo José Antonio Varela Calviño', o vindeiro sábado 18 de marzo ás 20.00 horas. A rexedora confirmou que xa hai máis de 1.300 deportistas inscritos nesta cita. 

O prazo límite para a inscrición na carreira será o domingo ás 23.59 horas. A inscrición na andaina solidaria continuará aberta para todas aquelas persoas que queiran facer as súas achegas, participen ou non. Nesta edición o recadado irá destinado á Cruz Vermella da Coruña e o seu programa 'Apoderamento de mulleres en dificultade social', dentro das medidas e actos postos en marcha con motivo do 8M. Todas as persoas que participen nela lucirán o dorsal 261 en homenaxe a Kathrine Switzer, a primeira muller que correu un maratón. 

"Continuamos amosando o noso apoio ao deporte coruñés e aos corredores e corredoras da nosa cidade, como xa fixemos coa celebración da C21, sumándolle unha proba 5K que serviu de prólogo para este circuíto", sinalou Inés Rey durante a presentación, que tivo lugar no Palacio dos Deportes.

Nesta décima edición manteranse as sete probas do circuíto, que se desenvolverán entre os meses de marzo e novembro en diferentes barrios da cidade. A inscrición a todo o circuíto pódese facer, do mesmo xeito que para a primeira proba, a través da páxina web de Coruña Corre por un prezo de 12 euros. As persoas participantes na C21 e na 5K terán un 50 % de desconto.

A alcaldesa animou a cidadanía, sexa cal for a súa idade, a participar nas diferentes probas, dunha dificultade moderada todas elas para fomentar o deporte. "Queremos que esta décima edición do circuíto sexa unha gran festa e bater o récord de participantes", sinalou Inés Rey.

XI Carreira Popular Torre de Hércules

A rexedora explicou como será o percorrido desta carreira popular do sábado 18 de marzo. As persoas participantes partirán do paseo dos Menhires en dirección a Durmideiras, desde onde percorrerán o Paseo Marítimo ata a Domus. A volta será polo mesmo camiño e a meta estará situada aos pés da Torre de Hércules. Por outra banda, a andaina tamén partirá do paseo dos Menhires en dirección ao Paseo Marítimo, irá ata a Domus e regresará por Durmideiras ao mesmo punto de saída.

A cota de inscrición será de 3 euros máis 2 euros polo chip refugable. Haberá unha cota especial para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove de 2 euros polo dorsal e 1 euro polo chip. Nesta primeira proba, como é habitual, ademais da categoría absoluta haberá categorías inferiores, que se disputarán a partir das 17.00 horas. Todas as persoas participantes recibirán unha bolsa conmemorativa.

Os dorsais da carreira, da andaina e do circuíto recolleranse o venres 17 de marzo de 17.00 a 21.30 horas e o sábado 18 de marzo, día da proba, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo da carreira que corresponda.

Datas do circuíto Coruña Corre

XI Carreira Popular Torre de Hércules: 18 de marzo
XV Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma: 7 de maio
XI Carreira Popular Os Rosales: 21 de maio
VII Carreira Popular Matogrande: 25 de xuño
XI Carreira Popular Volta a Oza: 10 de setembro
VIII Carreira Popular Ventorrillo: 22 de outubro
XI Carreira Popular Novo Mesoiro: 26 de novembro