xoves 10 marzo 2022

A DÉCIMO SEXTA EDICIÓN DA CARREIRA CORUÑA 10 ABRE O SEU PRAZO DE INSCRICIÓN (Fonte: www.coruna.gal)

O próximo 24 de abril terá lugar a Carreira Popular Coruña10, a máis soada das carreiras da cidade, e que este ano celebrará a súa décimo sexta edición cun circuíto urbano, homologado pola Real Federación Española de Atletismo.

As inscricións das e dos atletas faranse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o día 17 de abril ás 23:59h. A cota de inscrición será de 6 € os inscritos/as no prazo reducido ata o 10 de abril, e de 10€ para aqueles/as que realicen a inscrición no prazo ordinario ata o 17 de abril.

Como vén sendo habitual, as e os menores tamén contarán coas súas probas. Nesta XVI Carreira Popular Coruña10 poderán participar atletas, con inscrición gratuíta, desde a categoría peques ata sub-18.

A carreira, que ten un perfil practicamente chairo e por asfalto na súa totalidade, terá a saída e meta na chaira do Parrote.

As primeiras persoas clasificadas na carreira Coruña10 obterán premios en metálico, e aquelas que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28:09) como na feminina (31:40) obterán un premio de 1.000 euros. O regulamento, así como todos os servizos que ofrece Coruña10, poderán atoparse na web municipal www.coruna.es/carreraspopulares.