venres 22 novembro 2019

A CONCELLERÍA DE DEPORTES PRESENTA O NOVO CALENDARIO DE GRANDES CARREIRAS, A CELEBRAR NA CIDADE DURANTE A TEMPADA 2020 EN COLABORACIÓN COA FGA (Fonte: www.coruna.gal)

C10 e C42, intercambian as súas datas tradicionais de celebración.

O Media Maratón C21, unha carreira que se consolidou con identidade propia, mantén a súa data habitual e celebrarase o 16 de febreiro, terceiro domingo do mes.

A decana das carreiras populares da cidade, a Carreira Popular C10, traslada a súa data de celebración ao terceiro domingo de abril, na primavera, que o próximo ano en concreto será o día 26, afastándose da celebración da Semana Santa e pasando a celebrarse durante o curso escolar. Un dos obxectivos da organización é potenciar e incrementar a participación de adultos e menores, tanto populares como federados, para o que se incrementasen as accións que fagan máis atractiva a participación.

Por último e como novidade, a Maratón Atlántica C42 por primeira vez trasládase ao outono, fixando a súa celebración no primeiro domingo de outubro, que en 2020 será o día 4, integrándose como referencia deportiva dos eventos, actos lúdicos e culturais que se desenvolvan na cidade con motivo da celebración das Festas do Rosario, festivo local, o que supoñerá un incremento no atractivo turístico da cidade e que permitirá ampliar a súa oferta deportiva.

Con este cambio de datas na celebración da Maratón Atlántica C42, a organización busca facilitar a preparación previa dos participantes máis populares durante a época estival, máis benigna no noso clima, así como incentivar a presenza de atletas de nivel nacional e internacional que busquen a obtención de marcas de referencia para os eventos internacionais da seguinte tempada, na contorna idónea que para esta práctica deportiva, ofrece a nosa cidade.

Coincidindo coa Maratón Atlántica C42, continuará celebrándose a tradicional carreira 10k, como se veu realizando en todas as súas edicións, ademais dun amplo programa de actividades complementarias no que a organización está a traballar para incrementar o atractivo desta proba deportiva para que todos aqueles practicantes de maratón non queiran perderse esta próxima edición.

De todas elas a través da web www.coruna.gal/carreraspopulares iremos informando de apertura de inscricións, regulamento, circuítos, servizos, etc... que iremos ampliando progresivamente a medida que se vaian concretando para cada unha delas.

Animamos desde aquí a todos os afeccionados e practicantes do running a converter A Coruña nunha cita obrigada na tempada 2020.