mércores 24 marzo 2021

A C10 CORRERASE O 3 DE OUTUBRO POR UN CIRCUÍTO QUE INCLUIRÁ OS PEIRAOS DA CIDADE (Fonte: www.coruna.gal)

A C10 volve ás rúas da cidade. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, anunciou hoxe que o vindeiro 3 de outubro é a data elixida para celebrar a volta da carreira máis querida: a Coruña 10. O Concello decidiu que a primeira proba do calendario atlético coruñés sexa a carreira popular por excelencia, explicou a concelleira.  Por suposto sempre que as condición sanitarias o permitan, a C10 terá como novidade a data e o percorrido, xa que a carreira retómase, ademais, recuperando para o deporte popular unhas das localizacións máis ansiadas pola cidadanía: os peiraos. O Goberno local e a Autoridade Portuaria acordaron levar boa parte do percorrido da carreira polos terreos portuarios; "un paso máis no proceso de integración dos peiraos á vida da cidade", apuntou a alcaldesa, Inés Rey, que celebra que a cidadanía poida volver a desfrutar do porto.

A decana das carreiras populares transcorrerá polo centro urbano da cidade e o seu bordo litoral, "exemplificando e reforzando o vínculo da práctica deportiva co espazo público a través dunha carreira única"-

"O noso máis firme desexo é volver con máis forza que nunca para percorrer as rúas da nosa cidade, pero nin agora mesmo nin probablemente dentro dun mes se darán as condicións idóneas para que a carreira máis popular de todas cantas se realizan na Coruña, a C10, se poida realizar como o merece: con milleiros de persoas practicando o seu deporte favorito", explicou a concelleira.

Desde a concellería confían en que co paso dos meses chegue a tan ansiada inmunidade de rabaño, e, por iso, emprazan a todas as persoas amantes do atletismo a que preparen o regreso. "Será ao grande, coa máis popular das nosas carreiras e recuperando o porto para o deporte", dixo a edila.

Desde a concellería tamén se está a traballar xunto á Federación Galega para que a principios de xuño se poida realizar con garantías a edición do Gran Premio dos Cantóns de Marcha Atlética, un evento destinado a atletas profesionais que non se puido realizar o ano pasado debido á COVID 19. Será unha edición especial despois de que o evento fose declarado pola World Athletics como Patrimonio mundial do atletismo.

A concelleira apuntou que para 2022 se agarda volver co ritmo habitual das carreiras, sen esquecer o circuíto Coruña Corre, "sinal de identidade do noso atletismo máis popular.