domingo 30 abril 2023

A 5ª CARREIRA E ANDAINA CONTRA O CANCRO DA RÚA REÚNE A MÁIS DE 200 PERSOAS NO AGUILLÓN (Fonte: www.osil.info)

Logo do obrigado parón pola pandemia de Covid 19, a Carreira e Andaina contra o Cancro da Rúa regresaba neste 2023 coa 5ª edición que cambiaba de ubicación.

Da man do Club Atletismo Rúa, na mañá deste 30 de abril a área recreativa do Aguillón acollía a saída e meta da proba solidaria cuxa recadación irá destinada á Asociación Española Contra o Cancro e que reunía a máis de 200 persoas.
Con media hora de retraso por un problema técnico (quitaran as cintas que a organización colocara para guiar aos participantes), en torno ás 11:30 horas saían os preto de 180 andarines, identificados nesta ocasión con sombreiros rosas e brancos, para completar os 8 quilómetros á beirea do río, chegando ata A Reza e regresando pola Veiga ata a meta, diante do pavillón.

O pistoletazo de saída dábao Jorge Álvarez, estilista e deseñador de Viana do Bolo que daban a benvida aos participantes neste acto solidario, desexando “que foran moitísimos máis dado a boa causa que nos trae aquí”. Uns minutos máis tarde saían os participantes na carreira absoluta e despois as categorías infantís.

Con respecto aos resultados, o vencedor da carreira absoluta era Daniel Rioja cun tempo de 30,51 minutos. Segundo era o barquense Hugo Sánchez Gil que chegaba en 33,16 minutos seguido polo rues Jaime Hernández cun tempo de 33,43 minutos.
Entre os asistentes non non faltaban representantes e voluntarias da AECC de Valdeorras coa presidenta Gloria Pérez á cabeza e velando pola seguridade, a Policía Local da Rúa e os coluntarios de Protección Civil.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.