luns 12 outubro 2020

41ª EDICIÓN CARREIRA POPULAR DE NEGREIRA “A CLÁSICA”

A organización da Carreira Popular de Negreira “A Clásica”, a cargo do Concello de Negreira, lamenta ter que tomar a decisión de cancelar a celebración da proba na súa 41ª edición, prevista para o 8 de novembro.
Quixemos apurar as opcións para a súa celebración de forma segura para as/os corredoras/es, pero a evolución da situación sanitaria pola covid-19 e a incerteza do futuro próximo obríganos a renunciar a acoller un evento que reúne máis de 1.500 participantes anualmente.

Facemos este anuncio tristes, pero coa ilusión de que o próximo novembro do 2021 a situación sexa ben diferente e dende hoxe comezamos a traballar para que a 41ª edición de A Clásica sexa coma sempre unha gran festa do deporte e do atletismo en Negreira.

Seguiremos traballando dende xa para celebrar xuntos a vindeira edición nas mellores condicións, esperando que os próximos meses nos deparen un escenario máis certo e seguro do que vivimos agora.

Volveremos con máis ilusión e máis forza e coa certeza de que lle gañaremos ao virus. Tamén queremos mandarlles unha grande aperta e agradecemento ás empresas, colaboradores e a todos os atletas que participaron con nós noutras edicións, especialmente a aqueles que a covid -19 golpeou máis duramente.