venres, 23 de decembro de 2016

OS PARTICIPANTES NA SAN SILVESTRE TERÁN UN QUILÓMETRO MÁSI (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Quedan tan só once días para a última proba deportiva do ano, a popular San Silvestre compostelá, que se celebrará o 31 de decembro a partir das seis da tarde, con saída única para as categorías de escolares e adultos.

Do mesmo xeito que na edición anterior, a saída e a chegada serán na praza do Obradoiro. Os participantes deberán afrontar un percorrido de 5,5 quilómetros. A inscrición será gratuíta para a categoría de escolares (nacidos entre os anos 2002 e 2007) e de 6 euros para os adultos. Os interesados poderán anotarse ata o martes 27 de decembro. A recollida de dorsais farase o xoves 29, de 15.30 a 21.30 horas, o venres 30, de 11.00 a 21.30 horas, e o mesmo día da carreira, de 11.00 a 16.00 horas.

Por agora xa se inscribiron uns 500 atletas e a organización estima que o número final de participantes superará os 2.000 deportistas, unha cifra parecida ao ano pasado nunha proba cun importante éxito de público. Por iso, a edil de Deporte, Noa Morales , fixo un chamamento aos veciños e ás persoas que visiten a cidade para que se unan «a esta festa do atletismo, ou mellor broche de ouro para rematar ou ano con bo pé».

O CorreSan
O delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destacou que «a principal novidade deste ano é a ampliación nun quilómetro e cen metros do circuíto tendo en conta a alta participación». Morales apuntou que esta proba continúa co labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida, tal e como veu facendo na quinta edición do circuíto de carreiras saudables CorreSan, que concluíu o 15 de outubro.

Haberá numerosos premios ao finalizar a carreira, destacando un trofeo para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías (escolares e adultos), premio de participación ao club de atletismo federado masculino e feminino con maior número de inscritos na proba de adultos, premio de participación ao grupo popular, empresa, centro deportivo ou ximnasio con maior número de participantes inscritos. Finalmente, haberá un premio ao mellor disfrace de grupo e ao mellor disfrace individual.