luns, 09 de xaneiro de 2017

O PORTENTO DO FONDO QUE LE COMO NINGÉN AS CARREIRAS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Un portento do fondo vén en camiño. Miguel González Carballada (Lugo, 1998) comezou o 2017 do mesmo xeito que acabou o ano anterior. Confirmando todo o bo que o atletismo galego espera del. No cros de Edimburgo foi segundo, o primeiro europeo da particular competición entre continentes, rodeado de tres americanos.

Ser subcampión do mundo de cros escolar a tempada pasada en Budapest, campión galego de campo a través en categoría júnior e noveno no Europeo da categoría confirma a progresión dun atleta que case naceu nas pistas (é fillo do lucense Tito Margaride) pero que ata idade xuvenil compaxinaba fútbol e atletismo, con máis presenza do balompé. «Xogaba de mediocentro no Lugo e logo competía en atletismo co colexio (Franciscanos)», comenta Miguel González, que decidiu centrarse no atletismo «porque me gusta máis e permíteme viaxar máis».

Talvez esta dedicación tardía puido restarlle algún traballo de base como comenta Mariano Castiñeira, o seu vello adestrador, pero Miguel ten un talento especial para o atletismo. Integrante da nova xeración de ouro, o lucense ten a etiqueta do fondista por excelencia. Por unhas condicións físicas na que prima a resistencia e tamén pola súa sabedoría táctica. O lucense sempre sabe que facer en cada momento de carreira, o que lle permite ter despois un bo final. «A verdade é que habitualmente fago boas lecturas das carreiras», recoñecía onte de regreso de Escocia contento coa súa actuación e con ser o primeiro europeo.
«Aínda é moi novo, pero eu véxoo nos 5.000 metros e no seu día no fondo fondo», comenta Castiñeira do que fose o seu pupilo ata o pasado verán, cando decidiu cambiar o Miño pola residencia Blume para proseguir os seus estudos (agora enfermería pero nun futuro pasarase a INEF) e centrarse no mundo do atletismo, deixando ao carón o fútbol que tamén foi o seu compañeiro de viaxe durante moito tempo. O gran obxectivo, cumprir o soño olímpico que persegue desde hai tempo toda a familia co 5.000 e os 10.000 como o dobre campo no que soñar. Juan do Campo e Berlanas guían os seus pasos.

Unha xeración que debe marcar unha nova primavera no atletismo galego
Miguel González Carballada, Adrián Ben, Ivo Maseda e Tariku Novales. Poderían considerarse os catro tenores do fondo que vén en camiño. Os catro son rivais e amigos desde hai anos, pero cada un ten as súas cualidades.

González Carballada é o fondo en estado puro, un atleta cunhas condicións case iguais aos grandes que levaron a Galicia ao primeiro plano do foco internacional. Adrián Ben é o máis coñecido de todos eles e a nivel de competición o seu primeiro escenario pódese situar no 1.500 ou no 3.000 obstáculos, aínda que xa demostrou os seus dotes para moverse en todo tipo de frontes. Tariku tamén é un portento a nivel físico e talvez aínda teña pendente a irrupción definitiva, situación que se repite con Ivo.

Os tres, unidos aos Saleta Fernández, Claudia Rojo e compañía debuxan un novo escenario en categoría júnior que debe confirmarse cando chegue o momento de afrontar os torneos de categoría absoluta. Ao seu favor xoga que levan tempo sendo internacionais e adquirindo unha experiencia que lles axudará a dar o salto definitivo no seu momento.
Porque en Edimburgo, ademais do segundo posto de Miguel González, tamén había que computar o sétimo de Adrián Ben na mesma proba júnior onde os dous representaron ao combinado europeo ante a armada americano e a selección de Gran Bretaña.
Co cros acabado, a próxima reválida para case todos eles será a pista cuberta en categoría júnior antes de que chegue a tempada ao aire libre.