luns, 27 de febreiro de 2017

JUAN JESÚS BARRAL E JOSÉ ÁNGEL DÍAZ ENTRARON Á VEZ NO TRAIL AMES (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Ames acolleu a primeira das seis probas que integran este curso o circuíto de carreiras Trail Galaica. E estreou unha novidade que tamén terá continuidade no resto das citas, xa que haberá un trazado longo, con maior índice de dificultade e dureza, e un curto, destinado a deportistas que se senten igualmente atraídos por esta modalidade deportiva e prefiren un formato menos esixente. Dos 270 inscritos, algo máis da metade optaron polo percorrido sinxelo, de 14,3 quilómetros. O outro se foi ata os 27,7.

No itinerario longo o primeiro posto foi para Juan Jesús Barral, da Gramola GTR, compartido con José Anxo Díaz, do Club Atletismo Sada Montaña. Fixeron xuntos os máis de 27 quilómetros e entraron á vez na liña de meta. No cadro feminino, a vitoria foi para María José Grobas, do Atletismo Garaboa.

Chegadas moi espaciadas

Completaron a carreira 101 atletas. E boa mostra da dureza á que tiveron que facer fronte os deportistas é que a chegada á liña de meta, situada nas instalacións do Aero Club de Santiago, converteuse nun continuo goteo de atletas. En ningún caso entraron máis de catro dentro do mesmo minuto. Curiosamente, os dous últimos tamén pararon o crono á vez, Eduardo Iglesias e Pati Martínez, cun tempo de 4:24:00.

A carreira curta tivo un claro dominador en José Canda Louzao, do Azervañán, que avantaxou en algo máis dun minuto a Rubén Martínez (Atletismo Negreira) e en dous a José María Fernández (Revolution Trail Team).

No cadro feminino mandou Paula Esteiro, que sacou máis de catro minutos a Tania Silvelo e case catorce a Cristina Rivas.

A proba discorreu sen incidencias por sendas e camiños sen apenas tramos de asfalto, nunha xornada matinal marcada pola humidade e o tempo desapracible, aínda que sen a choiva e o barro da primeira edición, a que gañaron o checo David Pelisek e a noiesa Alba Baamonde.

Máis de douscentos deportistas tomaron a saída ás 10.30 da mañá en Ponche Maceira e finalmente completaron o trazado longo 101 atletas e 134 o curto.A segunda cita do Trail Galaica será o 19 de marzo en Muros. E completarán o calendario as seguintes carreiras: 7 de maio, A Pobra; 11 de xuño, A Baña; 29 de xullo, Boborás; e 24 de setembro, Ribeira Sacra.

Fonte: www.lavozdegalicia.es