luns, 09 de xaneiro de 2017

ERO DOCE COMPLETA CON OUTRA VITORIA A SÚA XIRA DO NADAL LOCAL (Fonte: www.diariodeferrol.com)

Ero Doce foi o máis rápido dos preto de novecentos inscritos na trixésimo cuarta edición da Carreira Popular San Xiao, que se desenvolveu onte por diferentes zonas da cidade naval, con saída e meta nos arredores do pavillón de Esteiro. Na súa primeira participación na proba ferrolá, o atleta nado en Cabanas -residente en Narón- cruzou a liña de meta cun tempo de 32:09, despois de marchar na cabeza, en solitario, desde a metade da carreira. Iso fíxolle cruzar proclamarse vencedor con de vinte segundos de vantaxe sobre Leonardo Rodríguez e Jonathan Fernández, os seguintes da competición en chegar a Esteiro.
Doce, de 20 anos e estudante de Matemáticas e Física en Estados Unidos, completa así cun novo triunfo un periplo do Nadal que empezara cunha vitoria na San Silvestre celebrada en Fene. O competidor de Ferrolterra, de todos os xeitos, fixo gala do bo estado de forma no que está na actualidade.

Mulleres
En canto á proba feminina, a mugardesa María Cabadas volveu escribir o seu nome como gañadora da proba ao terminar a mesma cun tempo de 40:22. A pesar de que o circuíto non era demasiado propicio para realizar grandes marcas, a atleta de Ferrolterra púxose na cabeza de carreira antes de completar o primeiro quilómetro de trazado para cruzar a liña de meta con máis dun minuto de vantaxe sobre a segunda e terceira clasificadas, que acabaron sendo Begoña Pacio e Ana Abuín.
O día asollado -aínda que frío- deu máis brillo a un evento que se completou coa celebración das carreiras de base, incluídas no programa Xogade da Xunta de Galicia. Estas, de distancias entre os 700 e os 3.000 metros, reuniron a uns cen atletas.