mércores, 02 de agosto de 2017

A GÁNDARA ORGANIZA A PRIMEIRA MILLA URBANA NAS FESTAS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O atletismo recupera o seu protagonismo nas Festas Patronais de Monforte. O próximo día 13 celébrase a primeira milla urbana, un evento organizado polo club A Gándara en colaboración co Concello. Esta carreira terá un marcado carácter solidario, xa que todos os corredores que estean interesados en participar deberán achegar alimentos non perecedoiros, que logo a Obra Social de CaixaBank entregará ao banco de alimentos.

Os atletas teñen que anotarse na seguinte páxina web: www.carreirasgalegas.com e teñen de prazo ata o próximo día 10. A milla comezará ás seis da tarde, e os corredores acometerán un percorrido que consistirá en dar catro voltas a un circuíto de catrocentos metros que estará situado na rúa Reboredo.

O director deportivo do club A Gándara, Rubén de Vicente, explica como xurdiu a idea de organizar esta milla urbana. «Xa levabamos anos barallando a posibilidade de facer unha carreira así, pero non demos ou paso. Este ano plantexeille a idea ao técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez, pareceulle ben e situámola en plenas festas», sinala Rubén de Vicente.

O responsable deportivo da Gándara entende que o feito de que se celebre en plenas patronais motivará unha maior afluencia de corredores. «Ademais dous atletas dá comarca que participan habitualmente neste tipo de probas, nesta ocasión hai que engadirlle a xente que ven de vacacións. As nosas previsións pasan porque a milla sexa un éxito», conclúe De Vicente.